
Cultural
Cine, teatro, exposiciones, conciertos
Carballo Interplay 2026 | XIII edición
Bergantiños
16 Abr 2026
Cuándo
Jueves, 16 de Abril de 2026
00:00
Dónde
Sobre el evento
O Carballo Interplay celebrará a súa XIII edición do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo cun total de 32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea.
A cita reafirma o seu lugar como espazo de referencia para pensar o ecosistema dixital desde dentro, cunha proposta que mantén o vínculo afectivo con internet como lugar de creatividade, identidade e comunidade, ao tempo que introduce unha ollada crítica sobre a saturación, os algoritmos, a precariedade e as novas formas de consumo cultural na rede.
Nese marco, o festival sitúa tamén no centro a creación dixital galega, a través dos seus premios e de actividades formativas e educativas pensadas para fomentar novas prácticas creativas en galego e un uso máis consciente das redes sociais.
Ao longo destes catro días, Carballo converterase ademais no punto de encontro dalgunhas das voces galegas máis recoñecíbeis do ecosistema dixital, como Raquel Piñeiro, Marina G. Canedo, Zeltia e Lúa Mosquera, Salseología ou Autoenfoque.
+INFO:
https://carballointerplay.com/
Programación
O programa combina entretemento, reflexión e comunidade, con contidos que abranguen desde a cultura pop e os formatos nados en internet ata a análise dos cambios sociais e culturais que atravesan a rede. Un dos sinais de identidade desta edición é tamén o lugar central do galego, presente tanto nas actividades de conversa e análise como nos certames dedicados á creación e produción de contido dixital.
A Sección Oficial contará con 19 series, das que 17 son internacionais e proceden de dez países, reforzando o perfil do Carballo Interplay como escaparate para novas voces e narrativas do audiovisual dixital. A programación inclúe tamén dúas presentacións especiais: a preestrea en Galicia de Millennial Mal, creada e dirixida por Lorena Iglesias, e Epidemia Invisible, proxecto gañador da pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, unha serie documental creada por Román Varela arredor da experiencia da saúde mental en primeira persoa.
Outra das liñas destacadas serán os shows e podcast en directo, con propostas que levan ao escenario linguaxes e formatos propios do ecosistema dixital, así como actividades formativas e espazos de análise como a Zona PRO, que abordará cuestións de actualidade como o impacto da intelixencia artificial nos medios dixitais, o momento do podcast en España ou as novas voces informativas nun contexto marcado polos algoritmos.
O festival volverá recoñecer tamén a creación na rede en galego a través dos seus distintos certames, entre eles o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, dotado con 3.000 euros, e os Premios de Creación Dixital en Galego, que distinguen a mellor canle e a mellor creadora ou creador con 600 euros en cada categoría.
O Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo, con produción e dirección de Cósmica, e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña.